MULLERES NA MÚSICA
POR MIGUEL ÁNGEL DÍAZ VALDÉS
A Historia da Música, como tantas outras disciplinas, tense estudado e divulgado ata non hai moito tempo
dende unha perspectiva puramente masculina.
Por iso o traballo realizado polo alumnado de 3º C, investigando sobre mulleres compositoras, coñecendo
as súas circunstancias vitais, escoitando algunhas das súas composicións e tratando de entender o porque
do seu anonimato, xunta dúas facetas importantes: a descuberta dalgunhas mulleres protagonistas da
historia da música inxustamente esquecidas; e por outra banda a reflexión e toma de conciencia sobre as
razóns últimas da anómala situación que sofren, tanto as que foron obxecto destes traballos como outras
moitas máis.
Ademais da exposición dos traballos sobre as compositoras e a posta en común no ámbito do grupo, o
feito de que os paneis elaborados ocupen agora un lugar destacado na aula de música axudará nesta tarefa
de reflexión e concienciación ao alumnado dos cursos vindeiros, aos que cando menos non lles serán
totalmente alleos os nomes de Teresa Carreño, Hildegarda von Bingen, Maria Theresia von Paradis, Clara
Schumann, Gracia Baptista, Maddalena Casulana ou Élisabeth Jacquet de la Guerre.
ARREPÍO
POR MIGUEL ÁNGEL DÍAZ VALDÉS
ARREPÍO
Arrepía camiñar entre sombras,
entre estas sombras,
siluetas escuras
que deberan doernos na alma.
Foran mulleres vivas,
eran o que todas nós somos:
esperanzas, traballos, angustias,
desexos, afáns,
proxectos de vida…
De vida arrincada de xeito salvaxe
pola máis salvaxe violencia homicida.
Se camiñas entre elas
deixa que che doia,
deixa que te abraie o seu número indigno
que non foi abondo para as mortas dun ano.
Deixa que te fira,
e pensa en facer algo
para non avezarnos,
para non resignarnos…
para que isto non sexa tan só
unha mera liturxia
repetida ano a ano.