Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, inaugurouse na entrada do noso centro a exposición Non me ves? para denunciar a invisibilización de mulleres artistas. Trátase dun proxecto internivelar vinculado ao Plan Proxecta Donas de si e coordinado pola profesora Jessica Mera co alumnado de terceiro de ESO e de primeiro de bacharelato desde as materias de Educación Plástica e Visual e Proxectos Artísticos.
No mundo da arte e a cultura en xeral sempre soan os mesmos nomes: Julia
Minguillón, Maruja Mallo… e ese coñecemento é o que chega ao alumnado pero, onde están as outras? Esta reflexión levou á configuración do proxecto. Dividiuse o traballo en dúas fases: investigación de artistas (homes e mulleres) e a construción dun cubo. Na montaxe participaron o alumnado de primeiro de bacharelato. A súa responsabilidade: plasmar visualmente o lugar inxustamente asignado ás mulleres na historia, na cultura e na escola. En plano oblicuo, sombreadas, ocultas, esquecidas.
A exposición irá evolucionando ao longo das semanas, engadindo aos poucos a información de máis artistas.