top of page

1º premio do Concurso de carteis do 8M convocado pola Xunta de Galicia

O 3 de Abril asistimos á entrega de premios da sexta edición do Concurso de carteis do 8-M, Día Internacional da Muller, convocada pola Xunta de Galicia. O evento tivo lugar na Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. As nosas alumnas Sofía María Dapena e Mireia Tato de 1º de Bacharelato de Artes obtiveron o primeiro premio co cartel Elas abriron o teu futuro.


O noso cartel, realizado na materia Proxectos Artísticos, forma parte do Plan Proxecta Donas de si. O noso principal obxectivo é investigar, visibilizar e dar o lugar merecido a mulleres galegas que abriron o noso camiño. O traballo responde ás liñas metodolóxicas que vimos empregando na materia e no proxecto: traballo cooperativo, creatividade, uso das tecnoloxías e compromiso co noso entorno. O cartel representa non só a nosa maneira de traballar senón tamén como debemos entender a loita pola igualdade: unidos e unidas desde a nosa diverxencia porque na diversidade sumamos.


O xurado valorou especialmente a alta participación conseguida neste certame, nos que se presentaron un total de 95 centros escolares. Había tres categorías. Na primeira, dirixida ao alumnado de infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria, obtivo o primeiro premio o alumnado de 2º de Primaria do Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña co título Igualdade; o segundo galardón recaeu nas alumnas e alumnos do 4º de Primaria do CPI Cova Terreña, de Baiona, co traballo Fomentamos a igualdade no patio do cole; e o accésit foi para o alumnado de 4º de Infantil do CEIP A Carballeira, de Lourizán-Pontevedra con Mariscadoras. Na segunda categoría, para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e de primeiro e segundo da ESO e de educación especial, resultou gañador co primeiro posto o alumnado de 2º da ESO do Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, da Coruña, co deseño Seguimos na loita pola igualdade; o segundo premio foi para as alumnas e alumnos do IES Illa de Ons de Bueu co traballo Pero se xa hai igualdade; e o accésit recaeu nos escolares de 1º da ESO do IES Ramón Cabanillas de Cambados co Rumbo á igualdade. Na terceira categoría, dirixida ás alumnas e os alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e superior, foi o noso centro quen obtivo o primeiro premio; o segundo galardón foi para as alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Rafael Dieste da Coruña con Alumeando; e o accésit obtívoo o alumnado de 2º de Bacharelato do IES A Xunqueira II de Pontevedra co título Publicacións pola igualdade.


Hai que salientar a implicación, constancia e talento do noso alumnado do Bacharelato de Artes. Eles e elas tamén están abrindo o camiño co seu traballo e esforzo.

Parabéns, rapazas!



bottom of page