Presentamos os xogos de mesa elaborados polas alumnas de Proxectos Artísticos de 1º do Bacharelato e coordinado por Jessica Mera, para dar a coñecer a mulleres relevantes galegas de diferentes ámbitos.
Para iso, tivemos a honra de contar coa presenza da concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego Ana González Abelleira. O traballo, baixo o nome Mulleres en Xogo, forma parte do Plan Proxecta Doas de Si e o noso principal obxectivo foi investigar, visibilizar e dar o lugar merecido ás mulleres galegas que abriron o noso camiño. É un proxecto internivelar e interdisciplinar, no que traballamos durante todo o curso.
Na primeira avaliación, a de investigación, proporcionáronnos información as profesoras de Física e Química, María Moares e a profesora de Lingua e Literatura Galega, Lucía González. Na segunda avaliación, a fase de creación, traballamos diferentes áreas do deseño: identidade corporativa (logotipos, cor, tipografía), deseño editorial (maquetación das cartas do xogo, das instrucións, dos carteis informativos…), ilustración tanto dixital como analóxica e deseño de packaging (construíndo as caixas que conteñen os xogos e elaborando as súas etiquetas).
Na terceira avaliación centrámonos na publicación dos produtos. Abordamos a gráfica expositiva co deseño do expositor que poderedes atopar na planta baixa da escola e o merchandising coas chapas para dar difusión ao proxecto.
Agradecer ao equipo de Dinamización Lingüística e a Ana Carballas a súa colaboración para a realización do evento e a Daniel Díaz por realizar as fotografías do acto. Podedes atopar toda a información do proceso na nosa web Cos ollos na igualdade.