Dámosvos a benvida ao noso blog Cos Ollos na Igualdade do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Comeza a nosa andaina vinculada ao Plan Proxecta Doas de Si que é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dirixida a fomentar a innovación educativa.
A pesar das políticas de igualdade que se están desenvolvendo na escola o certo é que seguimos percibindo no alumnado un descoñecemento de mulleres significativas na historia. O problema agrávase cando falamos de mulleres galegas. O noso obxectivo principal é sementar a conciencia sobre a invisibilización e as consecuencias derivadas da mesma. Pretendemos integrar no currículo a investigación e coñecemento dos seus logros para normalizar o seu estudo. Por esta razón participamos no proxecto profesorado de distintos departamentos (Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Inglés, Debuxo, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía e Orientación Educativa). Xunto á investigación e promoción desas mulleres, levaremos a cabo actividades de reflexión e denuncia para xerar unha crítica e autocrítica daqueles aspectos de carácter machista normalizados en e pola sociedade.
Desde este espazo virtual poderedes seguir as distintas fases do noso proxecto e valorar os produtos creados coa finalidade de fomentar a reflexión, a denuncia e a concienciación, así como dar visibilidade ás mulleres investigadas.